ORIXES DE AEAL
Un dos primeiros fitos na conformación dun espazo próximo de reunión para quen estudamos a adquisición da linguaxe remóntase ao First International Congress of Applied Psycholinguistics, celebrado en Barcelona en xuño de 1985, baixo a presidencia de Dr. Miguel Siguán. Probablemente esta foi a primeira ocasión na que puideron contactar os interesados na adquisición da linguaxe nun encontro internacional ao que asistiron prestixiosos especialistas da Psicolingüística. Posteriormente houbo outros espazos nos que quen investigamos no ámbito da psicolingüística evolutiva participabamos, pero ningún tan específico como os congresos da IASCL (International Association for the Study of Child Language).
Estes constituíron un excelente punto de encontro con colegas doutros países e puxéronnos en contacto cunha organización internacional que reúne a máis dun milleiro de especialistas no mundo. O primeiro con certa presenza de investigadores de España foi o de Budapest (1990), e a este seguiron os de Trieste (1993), Estambul (1996), San Sebastián (1999), Madison (2002) e Berlín (2005). De todos eles tivo para nós unha especial relevancia o VIII congreso da IASCL celebrado en San Sebastián en xullo de 1999, presidido por Itziar Idiazabal, e no que os colegas do País Vasco realizaron un excelente labor que prestixiou a todos.